inicio cursos mestres inscrición contacto / info







Eliseo Parra
(Ribeira do Douro)

Eliseo Parra, naceu na Ribeira do Douro un mes antes da década dos 50. Desde neno empezou a mostrar gran afección, primeiro, polo baile e máis tarde polo canto. Foi crecendo acompañado sempre pola música, cantando en casas de veciños, en rondallas, no coro do instituto... mentres vivía en Valladolid. Aos 14 anos de idade a familia emigra á Barcelona dos anos 60 e é alí onde, sen querelo, se converte en músico profesional aos 18 anos e estudante libre no Conservatorio
Municipal.

Case desde o principio foi batería-cantante en bandas de rock como Mi Generación, coa que gravou dous LP's e un single entre 1971 e 1973, reeditados 35 anos despois por Wha-Wha Records. Despois viría a época “Zeleste” tocando con Blay Tritono, La Rondalla de la Costa e Sardineta, grupo mítico co que xiraban por Europa actuando na rúa e en locais.

Naquela gran Barcelona dos 70, acompañou en directo ou en disco a Ovidi Montllor, Gato Pérez, María del Mar Bonet, Marina Rossell ou Al Tall, entre outros. Nesta época empeza a abandonar a batería para centrarse máis no canto e a percusión menor para converterse en cantante de "salsa" con orquestras como La Platería, La Sonora Catalana ou La Negra.

En 1983, trasládase a Madrid co grupo Mosaico, xa para facer música
tradicional; dous discos foron froito daquela unión: Homenage a Agapito Marazuela (1984) e De raíz (1985).

Ao desfacerse o grupo, traballa con Elisa Serna, Ángel Carril, María Salgado e moitos máis de toda índole.

Volve gravar en 1992 Al Bedrío, Arraigo (1994), Arboleras 1 (1995), La boda estorbada (1996), Arboleras 2 (1997), Tribus Hispanas (1998), Viva! quien sabe querer (2002), De ayer mañana (2005) e Diez (2009).

Percorreu medio mundo actuando coa súa magnífica e fiel banda e ten colaborado con gran parte dos grupos de "recreación tradicional" da península.

Realizou "traballo de campo" por boa parte de España xunto a José Manuel Fraile e colaborou nos libros e discos de recompilación deste, como transcritor musical.

Cabe destacar tamén o seu Suite Romance, que estreou o Ballet Nacional e a Orquestra Sinfónica de Madrid e o seu traballo como músico e actor para a Compañía Nacional de Teatro Clásico na obra de Lope de Veiga, Peribáñez y el Comendador de Ocaña.

Por último, resaltar o seu labor docente desde hai seis anos como profesor de percusión e canto tradicional.






Consorcio de Santiago Xacobeo 2010 Xunta de Galicia | Consellería de Cultura e Turismo

Master09

Logos