inicio cursos mestres inscrición contacto / info







Carlos Beceiro
(A Coruña)

Nace en Narón (A Coruña). Inicia o seu contacto coa música a finais dos anos 70, coincidindo co auxe do folk. Influído polos diversos grupos que pasaron polo Festival de Ortigueira, comeza tocando a gaita para decidirse enseguida polos instrumentos de corda.

En 1982 trasládase a Madrid para cursar estudos de solfexo, harmonía e contrabaixo clásico no Conservatorio. Paralelamente adquire formación jazzística co contrabaixista norteamericano Dave Thomas. Nestes anos forma parte como baixista dos grupos de jazz-fussion I.S.P, Lorenzo Azcona Cuarteto e a Big Band da Escola de Música Creativa.

É membro fundador da Musgaña, creado en 1987, grupo co que realizou xiras e concertos en USA, Canadá, Reino Unido, Alemaña, Francia, Bélxica, Holanda, Luxemburgo, Italia, Portugal, Eslovenia, Polonia, Serbia, Suecia, Cuba, India, Marrocos, Finlandia, Tunisia, México, Grecia, Alxeria e Rusia.

Desde 1992 colabora co músico e compositor Luís Delgado en espectáculos como Halquibla, Halilem e Las Tres Culturas.

Compaxina a faceta de instrumentista co ensino a partir de 1993, impartindo clases de baixo eléctrico na Escola Municipal de Música de Alcobendas.

Imparte diversos cursos e talleres de guitarra, bouzouki, mandolina, instrumentos de púa no conservatorio Folk De Lalín, na escola de música tradicional FESTCAT, na escola de verán Crisol de Cuerdas xunto a Alisdair Fraiser e Natalie Haas e na escola de música tradicional de Plaza Castilla.

Formou parte das bandas de Carlos Núñez, Kepa Junkera e ten participado en espectáculos de Ibérica de Danza ou en Il Viaggio dei Sigerico, dirixido por Maurizio Martinotti e no que participaron Jean Blanchard, Paul James e Lucilla Galeazzi, entre outros. Así mesmo como produtor traballou nos discos de Ana Alcaide Viola de teclas e Como la luna y el sol.

Participou en gravacións e concertos con músicos como Jesús Auñón, Eliseo Parra, Maurizio Martinotti, Javier Bergia, Carlos Núñez, Luís Delgado, María Salgado, Manuel Lúa, Eduardo Laguillo, Os Cempés, Kepa Junkera, Dulce Pontes, Bleizi Ruz, Lorenzo Azcona, Baldo Martínez, Mestisay, Albita, Clara Montes, Cristina Pato, Dimitris Psonis, Javier Paxariño e un longo etcétera.

Actualmente participa no proxecto Evening Star que une música tradicional de baile de Inglaterra, Irlanda, Francia, Italia e España con sons do século XXI; a banda está formada por Paul James, Luke Daniels, Patrick Bouffard, Victor Nicholls e Gigi Biolcati.

Tamén na actualidade forma parte do proxecto The Irish Spanish Connection; unha experiencia musical que une ao grupo irlandés Buille e a Cormac Breatnach con La Musgaña.






Consorcio de Santiago Xacobeo 2010 Xunta de Galicia | Consellería de Cultura e Turismo

Master09

Logos